O III Teateatre organiza dous novos cursos para os vindeiros meses
Permanece aberto o prazo de inscrición para dous novos cursos organizados no marco do III Teateatre e que se celebrarán durante os meses de setembro, outubro e novembro no Campus de Lugo.
Deste xeito, a directora de Sarabela Teatro, Ánxeles Acuña Bóveda, impartirá o curso ‘Peza de Corazón. Dramaturxia e Interpretación’, que terá lugar os días 25, 26 e 27 de setembro e 8, 9 e 10 de outubro. Será en horario de 16:30 a 20:30 horas na Aula de Teatro e Danza que a USC ten na Facultade de Veterinaria e os asistentes terán que pagar 70 euros que se verán reducidos a 50 no caso dos grupos de teatro afeccionado que se atopen federados.
O segundo dos cursos estará dedicado á improvisación e será impartido durante os días 2 e 3 de novembro polo actor, escenógrafo e director de teatro Suso Díaz. As clases desenvolveranse en horario de 9:30 a 13:30 e de 16:30 a 21:00 horas e o seu custe é de 70 euros ou 50 para os grupos que pertenzan á Federación Galega de Teatro Afeccionado.
Os interesados en inscribirse deben acudir á Oficina de Cultura da Vicerreitoría de Cultura situada na Praza Pío XII ou á páxina web www.teateatre.com