Ir o contido principal

A III Xornada Universitaria Galega en Xénero reflexiona sobre os retos nos estudos de xénero e nos feminismos do século XXI

As oficinas de igualdade das universidades galegas organizan cada ano una Xornada Universitaria en Xénero, que este curso completa o seu primeiro percorrido polas tres institucións coa celebración este venres 5 da terceira edición na Universidade de Vigo (Facultade de Belas Artes, Pontevedra). Nesta ocasión a xornada achégase, dende unha perspectiva crítica e multidisciplinar, aos retos que se formulan nos estudos de xénero e nos feminismos do século XXI. O encontro poderase seguir en directo dende o enlace http://tv.campusdomar.es/directo.html. Das 40 comunicacións presentadas ao encontro nas tres áreas temáticas, 15 pertencen á de ‘Violencia de xénero: persistencia e novas formas’ que coordina a USC e que inclúe ás 17.30 horas unha mesa redonda na que, moderada pola profesora Lourdes Mella Méndez, participarán o profesor da USC Jorge García Marín, a profesora da Universidade de Vigo, Águeda Gómez Suárez, e a profesora da UDC Nereida María Canosa Domínguez. O encontro comezará ás 10.00 horas nun acto inaugural no que participará a adxunta á Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, María del Carmen Segura Iglesias, e a continuación Verania Chao Rebolledo, especialista en medio ambiente e cambio climático do Programa das Naciones Unidas para o Desenvolvemento, pronunciará a conferencia ‘O camiño da igualdade de xénero no proceso internacional do cambio climático’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.06.2015.