Ir o contido principal

As III Xornadas ‘Educación e Lingua en Galicia’ reflexionarán sobre os prexuízos lingüísticos na sociedade galega e no ensino

A terceira edición das Xornadas ‘Educación e Linguas en Galicia’ centrarán a súa atención no tema ‘O imaxinario social sobre o galego’, lema do encontro que organizan a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL). O programa estenderase ao longo deste venres 25 e do sábado 26 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida). Esta é unha iniciativa que busca recoñecer a existencia de prexuízos lingüísticos na sociedade galega e, de xeito particular, no ensino e no colectivo de futuros/as ensinantes. Será un primeiro paso para aprender a identificar, previr e corrixir estes prexuízos dende unha óptica de igualdade das linguas, así como coñecer experiencias positivas de traballo tanto en Galicia como fóra. Deste xeito, xunto ás intervencións de Manuel Núñez Singala, director do SNL; Artur Noguerol, da Universitat Autónoma de Barcelona; e Rosa María Ramírez Palau, da Escola Vila Olímpica de Barcelona, desenvolveranse táboas redondas sobre experiencias innovadoras con representantes da operadora R, do Concello de Vigo ou da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Tamén se prestará atención ao relato de diversos colectivos coa presenza do campión do mundo de triatlón, Javier Gómez Noya; do cantante, escritor e locutor, Xurxo Souto; do catedrático e divulgador, Jorge Mira; ou da xornalista, Belén Regueira. Programa Logo da inauguración ás 9.30 horas, o director do SNL, Manuel Núñez Singala, presentará a primeira conferencia, titulada ‘Simplificacións sobre a lingua galega’, dando paso á constitución de grupos de traballo en paralelo. A partir das 16.00 horas está programada unha táboa redonda co lema ‘En galego, sen complexos (I)’ que contará con representantes do concello de Vigo para expor a súa experiencia en integración lingüística da inmigración, así como de representantes da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, da operadora R e do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. As conclusión do grupos de traballo e o grupo de teatro da Facultade pecharán a primeira xornada.

As xornadas están destinadas ao conxunto do alumnado e ao Persoal Docente e Investigador das titulacións impartidas nesta Facultade compostelá. Máis información en: http://www.usc.es/snl/dinamiza/educacionelinguas.htm

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2011.