As III Xornadas de Innovación Educativa achéganse ao desenvolvemento no mundo rural
As III Xornadas de Innovación Educativa no Mundo Rural celebraranse na Facultade de Ciencias da Educación en Campus Vida a modo de escaparate de diferentes iniciativas salientables dende a perspectiva social e educativa que, polo éxito na súa aplicación, se configuran como motores de desenvolvemento local. A benvida e presentación do evento terá lugar este mércores 13 ás 9.30 horas, dando paso á conferencia inaugural do coordinador de Xermolos (Guitiriz), Alfonso Blanco Torrado, titulada ‘ Construíndo o futuro dende o rural’. Nesta primeira xornada inclúense ademais dúas mesas de experiencias sobre a administración local no desenvolvemento do medio rural galego e sobre asociacionismo e educación social. A partir das 18.00 horas ‘A escola no medio rural galego: Características e problemáticas’ é o lema da conferencia que pronunciarán Xosé Luis Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio, mestres, compoñentes da Quenlla, fundadores de Fuxan os Ventos e escritores Esta é unha iniciativa coa que os seus promotores buscan profundar no coñecemento e a difusión de boas prácticas desenvolvidas en contextos rurais, promovendo a reflexión acerca das dinámicas socioambientais, culturais, educativas e económicas que lles atinxen. Neste senso, as relacións sociais de proximidade sostidas nun territorio ao longo do tempo, posibilitan o xermolo de experiencias que, á súa vez, poden constituírse en modelos de desenvolvemento comunitario local, polo que nestas Xornadas “pretendemos analizar os espazos rurais como potenciais catalizadores do mesmo”, sinalan o grupo organizador, no que participa o equipo decanal desta Facultade compostelá. Nesta edición, o encontro preséntase dende o punto de vista da administración local e como esta pode promover e mellorar as condicións no medio rural, dando a coñecer diversas experiencias levadas a cabo, tanto no ámbito “formal” como “non formal”que envolven este espazo.