O ILG lanza un programa de participación cidadá para a achega de datos léxicos

DOA é un programa de participación cidadá para a achega de datos léxicos que acaba de promover o Instituto da Lingua Galega (ILG), que neste ano 2021 cumpre 50 anos de vida. DOA intégrase á súa vez dentro do proxecto Patrimonio léxico da Gallaecia, financiado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (2019-2020), proxecto que ten como obxectivo documentar e mostrar a variación no léxico patrimonial actual dentro dos concellos que forman parte da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal.
O sistema de participación é doado, de xeito que calquera que queira colaborar pode cubrir os formularios que se irán subindo nesta ligazón, con temáticas que mudarán en sucesivas campañas. Nestes momentos xa hai dispoñibles dous formularios sobre nomes de insectos. Dende o ILG, levan décadas promovendo, por múltiples vías, a recolleita e difusión do inmenso patrimonio léxico de Galicia, sempre apelando ao saber e complicidade dos seus donos e donas, os galegofalantes.
“DOA é unha palabra moi pequena, mais grande no seu significado. Apela á vosa xenerosidade, a que doedes para o ben de todos e todas nós as vosas palabras, a que compartades connosco o voso patrimonio lingüístico”, explican dende o ILG. “DOA é tamén cada un dos abelorios que se enfían para formar un rosario ou un colar: cada unha ten o seu valor individual, pero todas gañan cando con elas se forma algo novo, colectivo”, engaden.
Por este motivo, as doazóns pasarán a integrar o banco de datos do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, convenientemente identificadas co nome do proxecto e o ano da recolla, e serán tamén incorporadas no recurso Patrimonio léxico da Gallaecia, que permitirá recoñecer as diferentes denominacións rexistradas en Galicia para un mesmo concepto.