O ilustrador Fermín Solís ensinará aos máis pequenos cómo debuxar animais

O I Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe ‘Compostela Ilustrada’ traerá o domingo 13 de novembro ao Museo de Historia Natural da USC o ilustrador estremeño Fermín Solís, autor do libro Así é Santiago, para ensinar a nenos e nenas a partir de 8 anos cómo debuxar animais.
O obradoiro proporá aos rapaces e rapazas mesturarse coas distintas especies que ofrecen as salas do Museo para retratar nos seus cadernos aqueles exemplares que máis lles chamen a atención, todo elo dirixido por Solís, que lles explicará os trucos máis enxeñosos para lograr un bo retrato animal.
Fermín Solís
Ilustrador e guionista curtido en multitude de fanzines e revistas de cómics, Fermín Solís(Cáceres, 1972) enmarca o groso da súa obra no que se denominou nova onda de cómic, con historias de corte costumista e ás veces autobiográficas. No campo da ilustración traballou en prensa en publicacións como El País, ICON, Rockdelux. Actualmente traballa como ilustrador freelance para as axencias Astound (USA) e Advocate (UK).
Para inscribirse no obradoiro é preciso cubrir a ficha de inscrición polo menos con dous días de antelación á data da actividade. A praza confirmarase na semana de realización do obradoiro.