Ir o contido principal

O iMATUS impulsa o primeiro ciclo de seminarios tractores ‘A Vangarda da Investigación’

Os seminarios terán lugar ao longo de abril, maio e xuño
Os seminarios terán lugar ao longo de abril, maio e xuño
Este centro da USC tamén acollerá o mércores 12 de abril o relatorio do investigador do CSIC Manuel Vázquez Villalabeitia
Santiago de Compostela

O primeiro ciclo de seminarios tractores do Instituto de Materiais da USC (iMATUS) desenvolverase baixo o lema ‘A Vangarda da Investigación’ e estenderase entre os meses de abril, maio e xuño. Este ciclo, impulsado polas unidades de Investigación e de Divulgación, constitúe “un paso máis para que o iMATUS siga posicionándose como centro multidisciplinar de referencia no ámbito da ciencia e tecnoloxía de materiais a nivel nacional e internacional”, explica a súa directora, Carmen Álvarez Lorenzo.

Os seminarios buscan fomentar a colaboración en investigación, transferencia e formación do persoal investigador “para sacar o máximo partido ao coñecemento e aos recursos científico-tecnolóxicos dispoñibles”, engade. “A multidisciplinariedade permite aos investigadores cruzar os límites entre disciplinas e obter avances altamente innovadores no seu tema de traballo, o que é un obxectivo prioritario da dirección de iMATUS”, afirma Carme Álvarez. Os seminarios son de libre acceso a toda a comunidade universitaria e agárdase a participación de persoal investigador sénior e júnior.

Os temas abordados serán a interacción entre (nano)materiais e (bio)moléculas, ensaios de biomateriais alternativos á experimentación animal, simulación e deseño computacional de materiais, o desenvolvemento e estudo de materiais para a medicina rexenerativa, sistemas de liberación de células CAR-T no tratamento de tumores, análise de contaminantes e remediación ambiental e materiais para a implementación de dispositivos en información cuántica.

Relatorio

Un día antes de que boten a andar os seminarios, este centro da USC acollerá o relatorio do investigador Manuel Vázquez Villalabeitia, integrante do Instituto de Ciencia de Materiais de Madrid do CSIC e recoñecido pola IEEE Magnetics Society como Distinguished Lecturers en 2023. O acto terá lugar o vindeiro 12 de abril no Salón de Actos e a partir das 12.00 horas. No seu relatorio, titulado 'Cylindrical Micro- and Nanowires: From Curvature Effects on Magnetization to Sensing Applications', Vázquez Villalabeitia afondará na investigación sobre os efectos da curvatura nas nanoestruturas magnéticas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.04.2023.