Unha imaxe obtida por investigadores da USC, portada da revista Prion

Unha imaxe tirada dun traballo do grupo do profesor Jesús R. Requena, do Departamento de Medicina e investigador do CIMUS, acaba de ser seleccionada para a portada do número de Novembro-Decembro da revista Prion, especializada en traballos relativos a estes axentes infecciosos constituídos unicamente por proteína. A imaxe consiste nunha microfotografía de fibras da proteína priónica, obtida por Raquel Antón, do Servizo de Microscopía Electrónica da RIAIDT. Estes prións son do tipo ‘ scrapie’, transmisibles a ovellas e ratos mais non a humanos. No artigo, froito da colaboración do grupo do profesor Requena con investigadores italianos e austríacos, ofrécese unha estimación do diámetro das fibras priónicas obtida mediante a técnica SAXS. Os datos experimentais foron adquiridos en parte no sincrotrón ELETTRA, en Trieste, e constitúen un pequeno avance na dirección á que se encamiñan os esforzos do grupo, nomeadamente, a elucidación da estrutura molecular dos prións. O coñecemento desta estrutura permitirá a comprensión do mecanismo molecular que utilizan estes axentes para transmitir a súa conformación patoxénica.