Ir o contido principal

O Impact Ránking salienta o compromiso da USC cos ODS

A USC destaca en educación de calidade, igualdade de xénero, vida de ecosistemas terrestres e alianzas para lograr os obxectivos. FOTO: Santi Alvite
A USC destaca en educación de calidade, igualdade de xénero, vida de ecosistemas terrestres e alianzas para lograr os obxectivos. FOTO: Santi Alvite
Educación de calidade, igualdade de xénero, vida de ecosistemas terrestres e alianzas son os catro Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nos que destaca a institución compostelá, situándose no chanzo 401-600 dun total de 1.591 universidades de 112 países
Lugo, Santiago de Compostela

O compromiso da USC cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) ponse de manifesto coa obtención do posto 401-600 no Impact Ránking co que Times Higher Education mide o grao de cumprimento das universidades con estas 17 metas definidas en 2015 pola Organización das Nacións Unidas. A clasificación que se deu a coñecer este xoves 1 atópase integrada por un total de 1.591 institucións de 112 países e a USC destaca en catro dos 17 ODS: educación de calidade, igualdade de xénero, vida de ecosistemas terrestres e alianzas para lograr os obxectivos.

A institución compostelá ocupa o chanzo 101-200 nos obxectivos 4 e 15. A calidade da educación (ODS 4) na USC é unha das parcelas que a clasificación pon en valor ao situala entre as 200 mellores de entre as 1.304 institucións que lograron destacar neste eido. En vida de ecosistemas terrestres, ODS que abrangue a loita contra a desertificación, deter e inverter a degradación das terras e frear a perda de biodiversidade a través dunha xestión sustentable, tan só lograron destacar un total de 586 institucións, situándose de novo a USC entre as 200 primeiras. 

A igualdade de xénero (ODS 5) é outro dos activos da USC para a clasificación de Times Higher Education. 1.081 institucións de todo o mundo lograron sobresaír nese eido no que a Universidade de Santiago de Compostela acada o intervalo 201-300. Finalmente, no relativo ao ODS 17 sobre alianzas para acadar os obxectivos, a USC sitúase no posto 801-1.000 dun total de 1.625 institucións.

Metodoloxía

A clasificación de Times Higher Education mide o rendemento das institucións universitarias no relativo aos ODS a través de indicadores calibrados para proporcionar comparacións integrais e equilibradas en catro grandes áreas: investigación, administración, divulgación e docencia. Os datos relativos a investigación derívanse da información proporcionada por Elsevier e abrangue as publicacións que viron a luz entre 2017 e 2021. Cada institución subministra os datos que estima salientables e a puntuación final calcúlase combinando o resultado no ODS 17 (que abrangue o 22%) coas tres puntuacións principais nos restantes ODS, os cales teñen un peso do 26% cada un. A puntuación final da clasificación xeral é a media da puntuación dos dous últimos anos.   

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2023.