Impártese en Lugo o segundo curso de español como lingua estranxeira para profesorado
Profesionais do ensino primario ou secundario e estudantes de Filoloxía, Tradución e Interpretación, Maxisterio ou outras disciplinas afíns, que ven no ensino do español a estranxeiros unha aplicación práctica no seu posto de traballo ou unha saída profesional, son os destinatarios do Curso de formación inicial de español como lingua estranxeira (ELE) que se impartirá na Facultade de Humanidades de Lugo dende o 3 ao 14 de maio. O prazo de inscrición para participar nesta actividade permanecerá aberto ata o próximo mércores 28.
É o segundo ano que o Centro de Linguas Modernas e Cursos Internacionais da USC organizan esta acción formativa no campus lugués co obxecto de consolidar a oferta académica e formativa no eido do español como lingua estranxeira.
En Lugo ofértanse cursos de formación de profesorado en ELE ao longo de todo o ano e cursos de lingua e cultura dirixidos a estudantes estranxeiros nos meses de verán. Neste caso, as actividades tratan dúas temáticas específicas como son ‘Español e Ciencias Medioambientais’ e ‘Español e Ciencias da Saúde’. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a Cursos Internacionais USC no correo electrónico linguas [at] usc.es (linguas[at]usc[dot]es) e no teléfono 981 597035