Ir o contido principal

A importancia de considerar a perspectiva de ciclo de vida nos inventarios de gases de efecto invernadoiro

A importancia de considerar a perspectiva de ciclo de vida nos inventarios de gases de efecto invernadoiro
A importancia de considerar a perspectiva de ciclo de vida nos inventarios de gases de efecto invernadoiro
Investigadoras da USC e dun centro francés calcularon a pegada de carbono de todas as actividades de produción e consumo de Galicia

Como paso previo imprescindible ao deseño de medidas de mitigación e adaptación ao cambio climático, como poden ser as que se incluirán na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, investigadoras da USC e do ELSA (Environmental Life Cycle and Sustainability Assessment) de Montpellier calcularon a pegada de carbono das actividades produtivas e de consumo de Galicia dende unha perspectiva de ciclo de vida, toda vez que os únicos inventarios rexionais de gases de efecto invernadoiro (GEI) dispoñibles se limitaban ás emisións directas ligadas á produción na Comunidade.

Esta perspectiva de ciclo de vida permite considerar todas as emisións de GEI ligadas ás actividades galegas, aínda que estas non teñan lugar na Comunidade, como poden ser a importación de bens e servizos para o consumo e de materias primas para a produción. Este procedemento de cálculo permite evitar a chamada fuga de carbono, derivada do traslado das operacións produtivas a países con límites de emisión menos restritivos.

No estudo, comprobaron que a pegada de carbono das actividades de consumo en Galicia é de 17,8 ktCO2e ao ano, correspondéndolle o 88% aos habitantes galegos e o 12% ao consumo turístico. Entre os primeiros, o principal contribuínte contaminante é a vivenda (32%), seguida polo consumo de alimentos (29%); e no que se refire ao turismo, o transporte é o principal causante da pegada de carbono (59%), coa vivenda (26%) como segunda fonte.

Esta diferenciación de suxeitos é crucial para as autoras do artigo, Laura Roibás e Almudena Hospido, “de maneira que así obtemos resultados útiles para que os gobernos consideren o vector ambiental ao asesorar á cidadanía sobre consumo de alimentos ou transporte e á vez tomen medidas sobre o impacto do sector turístico, importante fonte de ingresos”, explican.

A investigación determina tamén que a pegada de carbono de produción galega alcanza os 34,9 MtCO2e por ano, sendo a produción de enerxía a responsable da maior parte das emisións, principalmente debido á queima de carbón. A fabricación de alimentos é o seguinte contribuínte, seguido polo sector primario.

Á vista dos resultados do traballo 'Determination of the carbon footprint of all Galician production and consumption activities: Lessons learnt and guidelines for policymakers', publicado no Journal of Environmental Management, as súas autoras recomendan que as políticas se encamiñen a reducir o consumo dos artigos que maior gases de efecto invernadoiro provocan ou reducir os impactos da súa produción.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.07.2017.