Ir o contido principal

Impulsar a vocación científica entre as máis pequenas, eixo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia celébrase o 11 de febreiro. FOTO: Santi Alvite
O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia celébrase o 11 de febreiro. FOTO: Santi Alvite
A USC organiza unha serie de táboas redondas que poderán seguirse en liña e que servirán para dar a coñecer as traxectorias de científicas en distintos intres da súa carreira así como as súas oportunidades de futuro
Santiago de Compostela

A USC conmemora o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia o vindeiro 11 de febreiro cun nutrido programa de actividades que poñerán o foco en dar a coñecer a traxectoria de científicas que se atopan en diversos intres da súa carreira. A táboa redonda ‘De nenas a investigadoras: o camiño da ciencia’ busca achegar as experiencias de investigadoras de diferente perfil e etapa profesional na USC, co obxectivo de promover vocacións científicas entre as rapazas novas. Esta actividade terá lugar en liña a partir das 10.00 horas do próximo 11 de febreiro. As inscricións poden formalizarse nesta ligazón

Investigadoras en fase predoutoral, posdoutoral, xefas de grupo e directivas dos catro centros singulares da USC contarán as claves, anécdotas e logros das súas traxectorias, a fin de espertar a chamada da ciencia en nenas e mozas que decidan orientar a súa formación cara a diferentes ámbitos da ciencia. Moderada pola responsable de comunicación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Elena Mora, a mesa de debate contará coa participación de Paula López, directora adxunta do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS); María Jiménez, investigadora principal do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS); Catarina Allegue Toscano, investigadora posdoutoral do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS); e María José Gómez, investigadora predoutoral do IGFAE. 

‘Horizonte Europa’

A dimensión de xénero no seo do Programa de inversión en investigación e innovación da Unión Europea ‘Horizonte Europa’ centrará a xornada que a Oficina de Igualdade de Xénero da USC impulsa o vindeiro 11 de febreiro co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A sesión que se desenvolverá en formato virtual a través de Teams, será inaugurada a partir das 17.10 horas pola vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. No acto inaugural tamén tomarán parte Susana López Abella, secretaria Xeral da Igualdade da  Xunta de Galicia; e Ana Jesús López Díaz, presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal).

Moderada pola profesora Alba Alonso Álvarez, a continuación desenvolverase a táboa redonda ‘Dimensión de xénero en Horizonte Europa’ coa participación de Lina Gálvez Muñoz, eurodiputada-vicepresidenta da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía; Elena Domínguez Cañas, vicepresidenta de Relacións Internacionais do CSIC; e Lorena Fernández Álvarez, directora de Identidade Dixital da Universidade de Deusto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.02.2021.