Ir o contido principal

Os impulsores da iniciativa universitaria ‘Na encrucillada’ sacan o debate á rúa para presentar as súas propostas contra a crise

O xoves 29 dez relatores desenvolverán na praza de Santa María de Lugo unha rolda de intervencións coas súas achegas e que rematarán coa actuación de Mini e Mero

A iniciativa ‘Na Encrucillada. Universidade en debate’, posta en marcha por diversos colectivos de docentes, investigadores e persoal de servizos da USC no Campus de Lugo, organiza para o xoves 29 un encontro público e aberto que se celebrará na praza de Santa María da capital lucense (a carón da catedral) a partir das 18.00 horas. O encontro contempla a participación de dez relatores especialistas en diferentes áreas (nove deles docentes da USC), que farán as súas achegas sobre as medidas para atallar a crise e para a creación de emprego en breves intervencións de seis minutos cada unha. Os temas que se presentan a debate van desde os motivos que propiciaron a actual situación económica ata o papel da educación no proceso de superación da crise, pasando pola importancia do sector agroalimentario como xerador de riqueza, a necesidade de incrementar o valor engadido das producións mediante a súa transformación ou a través da aplicación do I+D. A análise sobre a importancia estratéxica da auga na sociedade futura e a necesidade de acabar cos monopolios que controlan o acceso a ela, as novas oportunidades de negocio na era post-petróleo, o papel do ámbito cultural no proceso de superación da crise, os criterios de investimento en obra pública ou as potencialidades do sector sanitario serán outros dos puntos arredor dos que xirarán as intervencións dos relatores. Ao remate dos relatorios, que estarán conducidos e moderados pola xornalista lucense Tonina Gay, está prevista a actuación do dúo de música tradicional Mini e Mero na propia praza de Santa María na que se desenvolverán as charlas. Todos os participantes interveñen de maneira desinteresada, ao igual que vén sucedendo en todas as citas que se desenvolven a través da iniciativa ‘Na Encrucillada’, que logo da Semana Santa retomará a súa actividade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.03.2012.