Inauguración no Colexio de Fonseca dunha mostra de instrumentos musicais antigos
O Colexio de Fonseca albergará o vindeiro mes de agosto unha exposición de instrumentos musicais antigos nunha iniciativa que promoven a USC e Bodegas Martín Códax baixo a denominación ‘ Músicas de pedro e cantos de peregrinación’. A mostra abrirase ao público mostrando os instrumentos do concerto que o grupo de Música Antiga Martín Códax ofreceu o pasado xoves no Altar Maior da Catedral de Santiago. A inauguración oficial da mostra terá lugar este luns, día 2 de agosto, a partir das 13:00 horas no propio Colexio de Fonseca coa presenza do vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo; o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez Casado; e do presidente do Consello de administración da Bodega, José Martínez Chantada.
Fídulas, cítaras, vihuelas de arco, chirimías, organistrum, cromornos, zanfonas, cornetos, laudes, baldosas, frautas e órgano forman parte da exposición que se poderá visitar nas instalacións universitarias entre os días 2 e 31 do vindeiro mes.