Inauguración do novo edificio docente Roberto Novoa Santos
O novo edificio docente Roberto Novoa Santos emprazado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) inaugurarase este martes 21 nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro. Á inauguración, que dará comezo ás 12:00 horas no Salón de Actos do novo edificio anexo ao CHUS, está prevista ademais a asistencia do secretario xeral da Consellaría de Sanidade, Roberto López; da xerente do CHUS, Rosa Bermejo; do decano da Facultade de Medicina, José Mª. Fraga; e da directora da Escola de Enfermaría, Mª Jesús Núñez.
O novo edificio ten unha superficie de 5.240 metros cadrados con cinco plantas das que dúas son de semisoto. Este espazo dedicado á docencia está dotado con seis aulas de 120 alumnos de capacidade, outras tantas de 48 postos, tres titorías, un seminario, unha aula magna para 342 persoas, unha biblioteca, cafetería e vestiario para o alumnado.