Inauguración da exposición Ailleurs: adverbio de ausencia(as)

O proxecto campUSCulturae trae ao Colexio de Fonseca a obra fotográfica do galego residente en París Gonzalo Vázquez, ben coñecido na súa dimensión de estudoso, artista e deseñador. A exposición Ailleurs: adverbio de ausencia(as) inaugurarase este venres 4 ás 19.00 horas na Biblioteca Internacional campUSCulturae da Diversidade Cultural.
A mostra, que permanecerá aberta ata o 20 de abril, propón unha reflexión intercultural arredor da ausencia nos temas universais do amor e a vida, o corpo e a beleza. Desde o cotiá do París do autor, ofrece unha reflexión breve e intensa sobre todo o que non está fisicamente no lugar da voz e a mirada.