Inauguración da exposición e entrega de premios do II Certame de Fotografía ‘Ruth Matilda Anderson’

O reitor da USC, Juan Casares, presidirá o luns, 25 de abril, a inauguración da mostra do II Certame de Fotografía ‘Ruth Matilda Anderson’. No transcurso do mesmo acto, que ten lugar na Aula de Cultura da Fundación Caixa Galicia a partir das 19:30 horas, procederase tamén a entrega dos premios aos gañadores deste concurso e ao inicio do ciclo ‘A muller nos clásicos cinematográficos’ coa proxección da película Volver. O certame ‘Ruth Matilda Anderson’, desenvolvido pola Oficina de Igualdade de Xénero da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade, contribúe a realización de dúas accións recollidas no Plan de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes da USC 2009-2011 como son a promoción da elección de especializacións non baseadas en estereotipos de xénero e a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora. A través deste concurso concédense un total de tres premios, que serán entregados no transcurso do acto. O primeiro, do que resultou gañador Marcos Fernández Blanco, ten unha dotación económica de mil euros e a súa fotografía utilizarase como cartel conmemorativo do Día Internacional da Muller Traballadora en 2012 pola USC. O segundo galardón recaeu en Rodrigo Díaz López, que recibirá oitocentos euros; mentres que o terceiro foi para José Manuel Pérez Pena e conta cunha dotación económica de cincocentos euros. Así mesmo, as mellores fotografías que se presentaron a esta segunda edición do certame ‘Ruth Matilda Anderson’ formarán unha mostra itinerante, que poderá verse nas Facultades de Xeografía e Historia e Ciencias da Comunicación e as Bibliotecas Concepción Arenal (Santiago) e Intercentros (Lugo). Como novidade, fronte a primeira edición, a exposición tamén poderá visitarse na Fundación Caixa Galicia e en centros socioculturais do Concello de Santiago.