Ir o contido principal

Inauguración da Unidade mixta de I+D Esteve-USC para o desenvolvemento de fármacos contra a dor

O reitor Juan Viaño e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, inaugurarán o luns 16 a Unidade Mixta de I+D Esteve-USC para o desenvolvemento de fármacos contra a dor crónica no Centro singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) a partir das 13.00 horas. O grupo BioFarma da USC e Esteve impulsan esta Unidade Mixta que traballará no desenvolvemento de novos fármacos para o tratamento da dor crónica, logo de ter recibido o apoio da Axencia Galega de Innovación que recoñece a excelencia da proposta e achega o 30% do financiamento deste proxecto. Na visita deste luns 16, tamén participarán a coordinadora do grupo de investigación Biofarma, Mabel Loza García; o director do CiMUS, Carlos Diéguez; e, por parte de Esteve, o director de Descubrimento de Fármacos e Investigación Preclínica, José Miguel Vela; o director de Famacoloxía, Manuel Merlos; o director de xestión da carteira de I+D, Antonio Párraga. Cun horizonte de tres anos e un orzamento inicial de tres millóns de euros, a Unidade Mixta espera acurtar os prazos na obtención de resultados e abrir as portas á comercialización dunha nova xeración de medicamentos analxésicos máis eficaces, seguros e que abarquen máis tipos de dor que os actuais. Os promotores da Unidade tamén agardan un impacto económico e sanitario elevados coa creación de emprego de alta cualificación e o desenvolvemento de novas tecnoloxías preditivas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2015.