Inaugurada na EPS a xornada sobre calidade na industria láctea
A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo inaugurou este mércores a xornada ‘O reto da calidade na industria láctea’, enmarcada dentro das actividades formativas do Máster Interuniversitario en Industria e Economía Leiteira, que imparte a Universidade de Santiago co Agro-Campus Ouest de Rennes, en Francia, e no que participan conxuntamente a EPS, a Aula de Produtos Lácteos e a Facultade de Ciencias.
Ao acto de inauguración asistiron o director da EPS, Javier Bueno; a coordinadora do máster, Elvira López Mosquera; o vicedecano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez; e como representante da APL, Paz Fernández.
O interese desta convocatoria ven dado pola importancia do sector lácteo en Galicia e pola preocupación polo control da calidade nun mercado cada vez máis amplo e no que as esixencias de calidade son cada vez máis estritas.
Para o desenvolvemento desta xornada, que se prolongará ata as 18:00 horas, contouse con expertos na materia procedentes do sector empresarial, laboratorios, universidade e administración, para que cada un aporte o seu enfoque, e conseguir así unha visión global e multidisciplinar. Rematará pola tarde cunha mesa redonda coa presenza de representantes do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), entre outros relatores, que porán en común as súas conclusións.