Ir o contido principal

Inaugurada a exposición de xoguetes antigos na Facultade de Veterinaria

Membros do grupo Tessellas fixeron unha performance durante a inauguración
Membros do grupo Tessellas fixeron unha performance durante a inauguración

O vicerreitor de Cultura, Elías Torres, acompañado do responsable da área de Cultura da Deputación Provincial, Antón Veiga, inauguraron na Facultade de Veterinaria a exposición ‘Xoguetes para hoxe’, creada por Xosé López González e Xosé Manuel García e patrocinada pola USC e o organismo provincial.
Esta exposición é unha mostra estacional dos xoguetes tradicionais que se realizaban e cos que xogaban os nenos e as nenas galegos fai anos. Serven de reflexo da imaxinación e da creatividade que se pode utilizar á hora de elaborar xoguetes para os pequenos da casa. Poden verse exemplos totalmente artesanais de carrilanas, bonecas, peonzas ou barcos, para os que se utilizaron materiais tan básicos nalgúns casos como ramas, cascas de noz, latas, millo ou follas de árbore.
O conxunto exposto procede da investigación destes dous veciños de Lourenzá por toda a provincia de Lugo e parte do occidente asturiano, na que contaron coa colaboración dos entrevistados, que cederon algunha das pezas ou fixeron unha mostra de como crealas.
Esta exposición poderá visitarse na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria durante ao longo de todo este mes, entre as 9:00 e as 21:00 horas, de luns a venres.
Durante a inauguración, o grupo de teatro Tesellas, formado por antigos membros da Aula de Teatro da USC de Lugo, fixeron unha performance co título ‘Xoga con nós’. O grupo está formado por Laura García, Bruno Martínez e Paula Buján. Neste acto estiveron presentes tamén a decana da Facultade de Veterinaria, Ana María Bravo Moral, e membros da comisión europea que está avaliando o centro para a renovación da súa acreditación.
Actividade complementariaA Vicerreitoría de Cultura organizou unha actividade complementaria a esta mostra que consistirá nunha ruta para recoller materiais e elaborar posteriormente con eles xoguetes tradicionais. Este percorrido terá lugar o sábado día 12 e a inscrición para participar na mesma aínda está aberta.
Cun custo de tres euros, os interesados poden inscribirse na Oficina de Cultura luguesa, situada no segundo andar do número 3 da praza Pío XII.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2008.