Ir o contido principal

Inaugurada a XXVI Reunión do Grupo Especializado en Química Organometálica

De esquerda a dereita: Teresa Pereira Lorenzo, Xosé Ramón Leis, María José Alonso, Rubén Lois e José Vila Abad
De esquerda a dereita: Teresa Pereira Lorenzo, Xosé Ramón Leis, María José Alonso, Rubén Lois e José Vila Abad

Máis de douscentos expertos internacionais participan ata o venres 12 na XXVI Reunión do Grupo Especializado en Química Organometálica que se inaugurou este martes no Colexio de Fonseca. Ao acto asistiron a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso; o director xeral de Universidades, Xosé Ramón Leis; o de Turismo, Rubén Lois; e os responsables do comité organizador do congreso, os profesores da USC Xosé Manuel Vila e María Teresa Pereira.
Durante a apertura, María José Alonso destacou a importancia do evento que trata “un tema cada vez más presente na Universidade” e subliñou o auxe da química na USC a través dunha boa rede de infraestruturas e de novos centros de investigación. Tamén adiantou que, no futuro, realizarase unha reforma integral da Facultade de Química.
O director xeral de Turismo falou da reunión de expertos internacionais que, ademais de debater sobre a cuestión principal, veñen coñecer Galicia. Pola súa banda, Xosé Ramón Leis desexou que este congreso xere “boa química” en todos os sentidos.
O encontro continúa este mércores, ás 9:30 horas, na Facultade de Medicina coa conferencia do catedrático da Universidade de Oviedo, José Jimeno, sobre compostos químicos e as súas utilidades. Deseguido, ás 10:30 horas, a profesora da Universidade de Castilla La Mancha, Blanca Manzano, impartirá o relatorio ‘Interaccións Non Covalentes en Complexos Metalorgánicos con Ligandos Derivados de Triazina’. O resto da xornada seguirá coa intervención de expertos procedentes de Londres, Sevilla, California, Valladolid, Zaragoza, Huelva e Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2008.