Ir o contido principal

Inaugurado en Ciencias o Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental

O Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental foi inaugurado este venres na Facultade de Ciencias de Lugo
O Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental foi inaugurado este venres na Facultade de Ciencias de Lugo

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo inaugurou este venres o Máster en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental, da man do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera Gómez; e o decano da Facultade e director do máster, Francisco Fraga López.
Ao longo do curso, o obxectivo será ofrecer aos estudantes o coñecemento teórico e práctico da Prevención de Riscos Laborais que permita a homologación para o exercicio profesional de Técnico Superior de Prevención de Riscos Laborais nas Especialidades de Seguridade no Traballo, Hixiene Industrial e Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada.
O estudo do máster inclúe diferentes áreas de coñecemento, como as Ciencias Sociais e Xurídicas, Estudos Técnicos, Ciencias da Saúde e Ciencias Experimentais, polo que se achegarán tamén coñecementos de Toxicoloxía Laboral e a súa aplicación na prevención de enfermidades profesionais asociadas á exposición de axentes tóxicos no medio laboral.
Os 90 créditos en total cos que conta o máster proporcionarán aos alumnos un coñecemento completo con módulos dedicados á lexislación, á seguridade ou á hixiente relacionados cos principais problemas ambientais, así como cos seus efectos sobre os ecosistemas e a saúde da poboación.
Ao remate do curso, as saídas profesionais están orientadas cara á empresa privada como ás Entidades Públicas, especialmente como Técnico Superior de Riscos Laborais nas Especialidades de Seguridade no Traballo, Hixiene Industrial e Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada ao amparo do RD 39/1997 así coma os referidos á formación en Auditorías; Protección de riscos laborais na construcción e toxicoloxía laboral e saúde ambiental.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2009.