Ir o contido principal

Inaugurado o Congreso Internacional de Economistas da Educación 2010

De esquerda a dereita Jesús Vázquez, Juan Casares e Luis Caramés
De esquerda a dereita Jesús Vázquez, Juan Casares e Luis Caramés

A economía en Educación Secundaria e Formación Profesional e na Universidade son os dous eixos temáticos arredor dos que están a xirar os debates do Congreso Internacional de Economistas da Educación 2010, que se celebra en Santiago ata o próximo venres 10. O reitor Juan Casares, coa presenza do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, presidiu esta mañá á inauguración do encontro que coordina o catedrático Luis Caramés e que se celebra no Hotel A Quinta da Auga (Vidán, Santiago). Casares destacou a relevancia da disciplina económica na universidade compostelá, centralizada arredor das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais (Santiago) e de Administración e Dirección de Empresas (Lugo). O reitor animou aos participantes a profundar nos aspectos que explican a importancia desta disciplina na sociedade actual. Pola súa banda, e logo de que Luis Carames explica polo miúdo os obxectivos e programa do encontro, o conselleiro Jesús Vázquez subliñou á relevancia dos estudos en economía para coñecer e interpretar que o tempo presente e futuro. Nesta dimensión, o conselleiro apela por outorgarlle á formación en economía un carácter transversal inculcando aos novos estudantes unha cultura empresarial emprendedora “que contribúa a revalorizar a cultura empresarial”. O programa do congreso diríxese a profesores de secundaria, formación profesional e universidade das materias de Economía e Economía da Empresa, así como de todas aquelas áreas relacionadas co ámbito empresarial. A primeira das conferencias deste encontro, a partir das 9:30 horas, correspondeulle á conselleira da Comisión Nacional do Mercado de Valores e docente da Universidade de Oviedo, Ana Isabel Fernández Álvarez, para falar sobre ‘O plan de educación financeira’. Deseguido e completando a xornada matinal celebráronse dúas mesas nas que se analizou a economía no Bacharelato e o estudo introdutorio desta disciplina. A xornada reanúdase pola tarde, a partir das 17:00 horas, nunha sesión que profunda na relación entre a ensinanza da economía no Bacharelato e na Universidade, dando así paso á celebración dunha mesa redonda que servirá de aproximación á problemática dos profesores de Economía en Secundaria e Formación Profesional. O programa de intervencións do xoves 9 estará centrado no ensino da economía no ámbito universitario atendendo a cuestións como a influencia do proceso de Bolonia, o ensino da disciplina en América, adecuación dos estudos á realidade empresarial e a problemática dos profesores universitarios. O venres 10 reservarase para a realización dun treito do Camiño de Santiago ao que lle seguirá unha xornada de clausura á que está prevista a asistencia da conselleira de Facenda, Marta Fernández. Este congreso está impulsado pola Organización de Economistas da Educación (OEE), órgano especializado do Consello Xeral de Colexio de Economistas de España, constituído en 1997 para impulsar a actividade profesional dos economistas no campo educativo. O programa do congreso diríxese a profesores de secundaria, formación profesional e universidade das materias de Economía e Economía da Empresa

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.09.2010.