Inaugúranse os cursos de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros e de formación para profesores de español
Catrocentas persoas de corenta nacionalidades distintas participarán este mes de xullo nos cursos de verán de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros e de formación para profesores de español como lingua estranxeira que organiza Cursos Internacionais da USC. A edición deste ano inaugurarase este martes 12, ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), nun acto ao que asisten o reitor da USC, Juan Casares Long; o alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa; a vogal asesora do Ministerio de Educación, Rosa Rodríguez Pascual; e a xerenta de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud Álvarez. Na cerimonia, o xornalista experto en xacobeo Antón Pombo Rodríguez impartirá a conferencia inaugural sobre o descubrimento de España e Galicia a través do Camiño de Santiago, que entronca directamente coa temática dun dos programas, o Curso de lingua e cultura españolas sobre O Camiño, que ten como obxectivo perfeccionar a competencia lingüística e cultural dos participantes no marco da historia e a actualidade do fenómeno xacobeo. Os estudantes que veñen a Santiago a realizar estes cursos proceden, entre outros lugares, de Francia, Brasil, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Suíza, Filipinas, China, Xapón, Noruega, Corea, Polonia, Italia, Palestina, Marrocos, Rusia, Alemaña e Xeorxia. Do total, cen son profesores de español e administradores de centros educativos que están a realizar un programa de actualización didáctica e cultural ao abeiro dun convenio entre a USC e o Ministerio de Educación español. Estes docentes chegan de países tan diversos como Albania, Australia, Bulgaria, Eslovaquia, Hungría, Moldavia, Polonia, República Checa, Romanía, Rusia ou Turquía.