Ir o contido principal

Inaugúranse na Real Academia Galega os cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia

A sede da Real Academia Galega, na Coruña, acolle hoxe venres 6 a inauguración da XXV edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia, que organizan a Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega da USC e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. No acto, a desenvolver a partir das 12.00 horas, van intervir o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización da USC, Víctor Millet Schröder; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez Blanco; e o director dos Cursos de verán, Francisco Fernández Rei. Os cursos, que se celebran en Santiago de Compostela, comezaron o pasado 2 de xullo e rematarán o día 27 do mesmo mes. Nesta XXV edición participan 86 estudantes procedentes de 22 estados diferentes de Europa, América e Asia: Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Croacia, España, Estados Unidos de América, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Kazakhstan, México, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía, Rusia, Serbia, Ucraína e Xapón.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2012.