Ir o contido principal

Inaugúranse este xoves dous cursos de verán en Ribadeo e Muros

O deseño de agroecosistemas sostibles e a innovación e coñecemento no sector da pesca industrial son os temas centrais dos cursos de verán da USC que este xoves 22 se inaugurarán nas localidades de Ribadeo e Muros. Ribadeo O curso ‘Deseño de agroecosistemas sostibles’ inaugurarase ás 9:30 horas na Casa do Mar de Ribadeo coa presenza dos seus directores, os profesores Anna Cervera Iglesias e Víctor Gonzálvez Pérez. O programa deste seminario inclúe visitas a explotacións gandeiras e forestais, unha cooperativa e unha finca ecolóxica, ademais de relatorios a cargo de seis especialistas en agroecoloxía que abordarán temas como a posta en marcha de sistemas agrícolas sostibles, os ciclos da agricultura ecolóxica ou a produción de leite. Muros Tamén este xoves ás 9:30 horas na Casa da Cultura do Concello de Muros terá lugar a apertura do curso ‘Innovación e coñecemento no sector da pesca industrial’ coa asistencia do alcalde, Domingos Dosil, e o director do curso, Manuel González López.

Logo dun breve repaso á historia da pesca industrial en Galicia, este encontro ofrecerá aos asistentes a posibilidade de analizar as consecuencias que para a pesca tiveron as mudanzas no marco normativo internacional, a aplicación da innovación na pesca do bacallau ou a situación actual e as perspectivas de futuro do sector.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.07.2010.