Ir o contido principal

Inaugúrase no Campus de Lugo o curso sobre xestión de actividades deportivas

UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC

A Universidade de Santiago inaugura este xoves 10 o curso de verán ‘Perspectivas actuais da xestión de actividades deportivas’, que terá como finalidade achegar, desde unha óptica actual e de futuro, cuestións como a xestión das actividades deportivas e recreativas no ámbito lexislativo, sanitario, enerxético e orzamentario. O acto de apertura terá lugar ás 9.30 horas no Salón de Actos José Rodríguez Mourelo da Facultade de Ciencias de Lugo.
O seminario, dirixido polo profesor José Vázquez Tato, contará con 15 horas lectivas organizadas en catro módulos. O curso comezará abordando un primeiro apartado, domótico-enerxética, que contará coa presenza do profesor da USC José Ángel Taboada que ofrecerá a conferencia titulada ‘Uso da domótica na xestión de instalacións deportivas’.
Nun segundo módulo atenderase a importancia da relación entre o deporte e a saúde, ao que se lle destinarán dúas sesións, coa intervención do profesor José Carlos Quintas e da especialista en Medicina Deportiva Rosario Solana, que falará sobre a prevención das lesións.
Na segunda xornada do curso, o apartado lexislativo ocupará as primeiras sesións da mañá, co profesor da Universidade da Coruña Eduardo Blanco. O seminario rematará cunha sesión dedicada á atención ao deportista.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2009.