Inaugúrase en Forcarei un curso de verán que afonda nas claves da soberanía alimentaria
A oferta da Universidade de Verán 2010 inclúe unha proposta orientada ao análise da soberanía alimentaria, un concepto que se entende como a facultade de cada Estado para definir as súas propias políticas agrarias e alimentarias de acordo a obxectivos de desenvolvemento sostible e seguridade na alimentación. Trátase do curso ‘ Agroecoloxía e soberanía alimentaria’ que se desenvolverá este xoves 29 e o venres 30 de xullo na sede da Fundación Galicia Verde en Forcarei. A inauguración está prevista para as 9:45 horas. Os profesores da USC Xan Neira Seijo e Anna Cervera Iglesias, e o presidente da Fundación Galicia Verde, Henrique Banet López de Rego, dirixen este seminario no que se reflexionará sobre a relación entre a agricultura ecolóxica e a soberanía alimentaria, que abarca políticas referidas non só a localizar o control da produción e dos mercados senón tamén a promover o dereito á alimentación, o acceso e o control dos pobos á terra, a auga e os recursos xenéticos así como a favorecer un uso da produción sostible para o ambiente. Os relatorios a cargo de especialistas en agroecoloxía completaranse cunha visita guiada pola Terra de Montes e coa proxección de varios audiovisuais de autor e un posterior coloquio sobre os mesmos no que participará, entre outros, a actriz Mabel Rivera. O curso ten unha carga lectiva de quince horas e conta coa colaboración do Concello de Forcarei, a Fundación CETAL, a Deputación Provincial de Lugo, a Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), a Sociedade Galega de Agroecoloxía (SOGA), o Centro de Estudios Rurais e de Agricultura Internacional (CERAI) e o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).