Ir o contido principal

Inaugúrase este luns a IV Edición do Curso do Camiño de Santiago

A IV Edición do Curso do Camiño de Santiago que organiza Cursos Internacionais da USC en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo arranca este luns, 4 de outubro. Na inauguración, que terá lugar ás 9:15 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas, estarán presentes o vicerreitor de Estudantes e Formación Continua, Francisco Ramón Durán Villa, o coordinador académico do programa e profesor de Historia Medieval, José M. Andrade Cernadas, e membros do equipo de Cursos Internacionais. O Curso do Camiño de Santiago ten unha duración de dúas semanas, con clases multidisciplinares sobre o fenómeno xacobeo -lingua, historia, arte, literatura, xeografía e cultura gastronómica- durante a primeira e unha peregrinaxe polo tramo galego do Camiño Francés dende o Cebreiro na segunda, levando así á práctica, a través de aulas itinerantes, os coñecementos teóricos adquiridos previamente. As clases compleméntanse polas tardes con actividades culturais e visitas guiadas, sempre de temática xacobea, á Catedral, á cidade histórica, ao Patrimonio da USC, ao Museo do Pobo Galego, un tour gastronómico e charlas con xornalistas e escritores. Entre estas actividades destaca a recepción ofrecida polo alcalde de Santiago na Casa do Concello.

Na edición de xuño do programa, que Cursos Internacionais da USC desenvolve dende 2008, participaron 11 alumnos, unha cifra que para o mes de outubro se incrementa ata 20. Os estudantes proceden na súa maioría de Brasil, mais tamén de Europa e mesmo de Xapón. Trátase dun grupo peculiar e de alto interese para Cursos Internacionais, dado que responde a un novo perfil, cunha idade media de 50 anos e alto nivel socio-cultural, que semella estar moi interesado en cursos que combinan o perfeccionamento lingüístico con contidos culturais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2010.