Inaugúrase no Paraninfo o XII Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega da Lírica
Este martes 19 inaugúrase no Paraninfo da USC (Facultade de Xeografía e Historia) a duodécima edición do Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega da Lírica, no que colabora a Universidade compostelá. Serán once os concertos a celebrar, todos en luns e martes, ata o 16 de marzo. Case corenta novos músicos galegos e residentes en Galicia intervirán nestes concertos que comezarán ás oito e media do serán e nos que a entrada, como sempre, será libre.
Novos músicos de toda Galicia intervirán nun ciclo no que a música de cámara será a protagonista e na que se poderán escoitar intérpretes dunha gran variedade de instrumentos (piano, violín, clarinete, violoncello, viola, frauta, fagot, percusión, trompa, trombón, etc.), canto e grupos de cámara pouco habituais (quinteto de vento, dúo de piano a catro mans, dúo de guitarras, etc.).
O concerto inaugural será este martes, 19 de xaneiro, ás 20:30 horas, e estará dividido en dúas partes. Protagonista da primeira será o dúo de viola e piano formado por Mario Otero Diz e Sara Domínguez Lloria, ambos mestres na Escola Municipal de Música de Compostela onde ademais desempeñan os cargos de xefe de estudios no caso de Mario Otero e de directora no de Sara Domínguez. Para inaugurar o ciclo interpretarán a versión para viola e piano da coñecida Sonata Arpeggione de Schubert.
A segunda parte do recital correrá a cargo do quinteto de ventos Omega Brass Ensemble. Fundado hai apenas un ano está formado por músicos que atesouran xa, a pesares da súa mocidade, unha longa traxectoria profesional como membros ou colaborando coas máis destacadas orquestras españolas e como mestres nos conservatorios de música galegos. O quinteto está formado polos trompetistas Ramón Llátser (Real Filharmonía de Galicia) e Fernando Rey (profesor no Conservatorio Profesional de Santiago); o trompista Benjamín Igleisas, profesor de trompa no conservatorio ferrolán; e os trombonistas Iago Ríos e Jonathan Vázquez, mestres nos conservatorios superiores da Coruña e Vigo, respectivamente. Xuntos interpretarán un variado programa que inclúe obras do norteamericano Michael Tilson Thomas, Bizet, Gardel e do galego Delfín Álvarez.