Inaugúrase este venres en Lugo a exposición sobre o reitor Rodríguez Cadarso
A exposición ‘Alejandro Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país’ inaugúrase este venres 27, ás 11:30 horas, para render homenaxe ao que fora reitor da USC na década dos anos 30 cando se celebra o 75 aniversario do seu pasamento. Ao acto oficial, que terá lugar no auditorio da Facultade de Veterinaria, asistirán o vicerreitor de Cultura da Universidade, Elías Torres; a decana da Facultade de Veterinaria, Ana Bravo; e os comisarios da iniciativa, Manuel Bermejo e Ricardo Gurriarán.
O material exposto permanecerá aberto aos visitantes ata o 3 de abril de 2009 e permitirá dar a coñecer a transcendental figura do que fora reitor da USC, Alejandro Rodríguez Cadarso, anatomista, docente activo e político, xa que a exposición fai un extenso percorrido pola polifacética figura de Rodríguez Cadarso.
Ao longo da mostra, que vén de expoñerse no Campus de Santiago, o visitante poderá coñecer a faceta de Cadarso como brillante estudante e como docente na Cátedra de Anatomía da Facultade de Medicina da USC, onde levou a cabo unha importante actividade de formación e promoción tanto na aula como na investigación. Na súa faceta universitaria chegou a fundar un destacado Gabinete Anatómico e estableceu contactos coas importantes escolas anatómicas de Lisboa e Porto, ademais de ser académico correspondente da Sociedade Anatómica Francesa.
Rodríguez Cadarso iniciou a xestión da modernización da USC, posibilitando a mellora das infraestruturas e da docencia activa, a apertura da universidade á sociedade e o achegamento á comunidade científica internacional. No seu conxunto, o abano de elementos que integran a mostra conxúganse nunha acción pedagóxica que materializa a recuperación dunha destacada personaxe e dunha voz da memoria colectiva de Galicia.
Entre os seus máis destacados proxectos atópase a construción dunha Residencia de Estudantes para a Universidade. De feito, a mostra dedica unha sala especial a esta importante intervención, mostrando por vez primeira material conservado no Arquivo Universitario dos planos e trazas dos edificios da residencia. En conxunto, Rodríguez Cadarso entendeu a acción universitaria con vocación de servizo, influenciado polo espírito do novo galeguismo dos anos 20 e 30 do século pasado.
Fóra do espazo universitario, Cadarso tamén destacou pola súa implicación na política activa ao entrar a formar parte das Cortes encadrado nas filas da ORGA de Santiago Casares Quiroga.
Tras a represión da ditadura que se volveu contra a súa viúva e fillos privándoos da pensión que percibían e deixándoos en graves atrancos económicos, a recuperación da súa figura e memoria dará pasos tímidos nos anos 60 e xa, de xeito consolidado, no ano 83 con motivo do 50 aniversario do seu falecemento.