Ir o contido principal

Inaugúrase este xoves en Fonseca a exposición ‘Tutti Frutti. Gráfica popular e diversidade cultural’

Inaugúrase este xoves en Fonseca a exposición ‘Tutti Frutti. Gráfica popular e diversidade cultural’
Inaugúrase este xoves en Fonseca a exposición ‘Tutti Frutti. Gráfica popular e diversidade cultural’

O Colexio de Fonseca acubillará ata o 15 de outubro unha escolma do proxecto fotográfico do recoñecido deseñador gráfico America Sanchez que recolle expresións de gráfica popular ao longo de todo o mundo.

A exposición ‘Tutti Frutti. Gráfica popular e diversidade cultural’, unha iniciativa do anterior Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación agora recuperada pola USC e o Ateneo de Santiago, inaugúrase este xoves 15 ás 20.00 horas nun acto no que participarán a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; o presidente do Ateneo, Salvador García-Bodaño; e o deseñador gráfico Pepe Barro.

“Esta mostra é o intento de expresar a liberdade cultural de todos os pobos do mundo a través da súa gráfica popular, o nome dun xénero que merece ser recoñecido como tal”, explica America Sánchez. “Pretendemos abrir unha nova fiestra á cultura visual contemporánea e enriquecela co uso de materiais, técnicas e recursos cotiáns, máis rápidos, simples, ecolóxicos e fáciles que o limitado e empobrecedor tratamento que adoitamos facer mediante a tecnoloxía computarizada”.

Por iso, engade, esta exposición é un medio de inspiración e recreación visual “que pode axudar a liberar e desbloquear rutinas, tópicos e arquetipos visuais, a xerar espontaneidade e a espertar a intuición; que pode axudar a anovar o repertorio expresivo que utilizamos actualmente”.

‘Tutti Frutti. Gráfica popular e diversidade cultural’ poderá visitarse en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.09.2016.