Ir o contido principal

Inaugurouse o curso de Formación de Español para profesores británicos e irlandeses

O director do Centro de Posgrao e Terceiro Ciclo da USC, José Luis Falguera, inaugurou este luns na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago un Curso de actualización didáctica do español como lingua estranxeira dirixido a profesores británicos e irlandeses.
No acto de apertura do curso acompañaron ao vicerreitor a xerente dos Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud; a asesora técnica do MEC, Victoria Hernández Pando; a asesora técnica da Consellaría de Educación da Embaixada de España en Reino Unido, Inmaculada Naranjo Mateos; e a asesora do servizo de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Rosa López Boullón.
Organizado por Cursos Internacionais da USC, o seminario desenvólvese ao abeiro do convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e Ciencia e a Universidade de Santiago de Compostela para a realización de cursos de formación de profesores de español de Reino Unido e Irlanda. No programa, que se desenvolverá ata o 22 de febreiro, participan en total trinta profesores de español destes dous países.
Ademais das clases de lingua española, didáctica e metodoloxía que imparte o equipo docente de Cursos Internacionais da USC, inclúese un amplo programa de actividades culturais na cidade como unha visita ao Patrimonio da USC, á Catedral, asistencia a xornadas gastronómicas ou tertulias en cafés da zona vella.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.02.2008.