Inaugurouse en Fonseca unha mostra que retrata a Compostela anterior a 1965

O Salón Artesoado do Colexio de Fonseca alberga a exposición ‘ Compostela única (un retrato en imaxes anteriores a 1965)’, unha mostra organizada polo Ateneo de Santiago que recolle fotografías da cidade achegadas logo dunha iniciativa de participación social. A mostra, comisariada por José Ortigueira, inaugurouse este mércores nun acto ao que asistiron o reitor da USC, Juan Casares Long; o alcalde da cidade, Ángel Currás; e o presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño. A mostra O proxecto xurde dunha proposta do Taller de Fotografía do Ateneo, que lanzou unha convocatoria para que a cidadanía de Santiago buscase nos seus albumes familiares fotografías anteriores a 1965, primeiro Ano Santo "moderno" antes do Xacobeo. A exposición conta tamén coa achega de fotógrafos profesionais que realizaban o seu traballo nas rúas de Santiago retratando persoas ou eventos relevantes da cidade, fotos que conservan nos seus fondos. Lugares, oficios, recordos, retratos... todo ten cabida nunha exposición colectiva que pretende enriquecer a memoria compostelá, recuperando aspectos da cidade que xa non existen ou que mudaron nos últimos 50 anos. ‘Compostela única (un retrato en imaxes anteriores a 1965)’ poderá visitarse ata o 6 de abril de luns a sábado en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.