Ir o contido principal

Inaugurouse a nova sede do Centro de Linguas Modernas no Campus Vida

De esquerda a dereita, Lourdes Batán, Juan Casares, Katerina Vlasakova, Ángel Currás e Víctor Millet
De esquerda a dereita, Lourdes Batán, Juan Casares, Katerina Vlasakova, Ángel Currás e Víctor Millet

A Casa dos Catedráticos, no Campus Vida, acolle dende o segundo cuadrimestre do presente curso académico as dependencias administrativas do Centro de Linguas Modernas da USC (CLM). A inauguración oficial do novo espazo tivo lugar este mércores coa participación do reitor Juan Casares Long; o alcalde de Santiago, Ángel Currás; o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet; a directora do centro, Katerina Vlasakova; e a xerenta da USC, Lourdes Batán. O Centro de Linguas Modernas, antes Instituto de Idiomas, promove dende 1975 a aprendizaxe de linguas entre os membros da comunidade universitaria e persoas alleas á USC que teñan cumpridos 16 anos. Ao longo de todo este tempo converteuse nunha institución de prestixio, ampliando as súas actuacións noutros campos de interese tanto para a USC nos seus Campus como para a cidadanía das urbes onde se empraza. 3.000 matrículas cada ano Das case 1.000 dos inicios, son hoxe preto de 3.000 as persoas que -nunha cifra que se incrementa cada curso- anualmente se matriculan nos seus cursos de 18 linguas diferentes. Español para estranxeiros, galego para non galegofalantes, catalán, italiano, inglés, francés, alemán, finés, xaponés, checo, ruso, chinés, portugués, árabe, eslovaco, grego moderno, húngaro e polaco , todos impartidos por unha trintena de docentes nos cursos regulares ou nos intensivos de verán. Ademais da súa propia actividade formativa, o CLM que dirixe Katerina Vlasakova encárgase de tarefas relacionadas coa formación idiomática de PDI e PAS, a dinamización lingüística e cultural e a elaboración e publicación de material didáctico. Tamén, e con especial importancia dende a entrada no Espazo Europeo de Educación Superior, encárgase da organización de diferentes probas de acreditación lingüística e, en calidade de centro examinador, das probas DELE do Instituto Cervantes, das de alemán do Goethe Institüt, de italiano CILS da Universidade de Siena e dende o curso próximo das NOKEN da Japan Foundation de xaponés. A maiores, ten experiencia na organización das probas TOEFL de inglés e as de catalá do Instituto Ramón Llul e en breve reanudará o programa CELTA de formación para o profesorado de inglés. O CLM conta tamén cun sistema de módulos de autoaprendizaxe titorizada no campus de Santiago e Lugo cun cento de estudantes matriculados cada ano. Promóvese así a aprendizaxe de linguas estranxeiras dun xeito ameno e flexible fundamentado na autonomía do estudantado con apoio pedagóxico. Cursos de verán O CLM mantén aberta ata o 2 de xullo a matrícula nos cursos intensivos de verán de iniciación en italiano e portugués no Campus de Lugo e de iniciación a ruso, xaponés, chinés, catalán, árabe e linguaxe de Signos. Tamén para os de perfeccionamento de francés en Compostela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2012.