A incidencia do enfoque agroecolóxico na calidade alimentaria e no desenvolvemento rural, a debate en Oleiros

A análise dos instrumentos para tratar de impulsar un proceso de desenvolvemento cos axentes locais de cara ao deseño e aplicación dunha estratexia alimentaria que estimule a produción, transformación e consumo sostible de produtos agroalimentarios locais, é o obxectivo do curso de verán da USC que se desenvolverá do 15 ao 17 de xuño no concello coruñés de Oleiros. O prazo de matrícula neste programa formativa remata este venres 5 de xuño.
Dirixido polos polos profesores da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Xan Neira Seijo, Tomás Cuesta García, en colaboración con Jorge Blanco Ballón, da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas Betanzos, o curso ‘Calidade agroalimentaria e desenvolvemento rural: un enfoque agroecolóxico’, conta cunha bolsa de matrícula financiada pola Fundación Juana de Vega e cun importe total de 1.500 euros, que permitirá reintegrar o 50% do custe da inscrición ás persoas que formalicen a matrícula neste seminario estival.
O presidente da Fundación Juana de Vega e o presidente Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo serán os encargados de abrir a quenda de intervencións dun foro no que se abordarán, entre outras, cuestións relacionadas coa agroecoloxía como base do desenvolvemento rural, a rendibilidade da agricultura ecolóxica fronte ás practicas convencionais ou a importancia das variedades locais nun proceso de desenvolvemento agrario sostible.