Ir o contido principal

A incubadora de empresas da USC organiza un curso de xeración e maduración de ideas empresariais

Uninova, a incubadora de empresas da USC, organiza os vindeiros días 20 e 22 de maio e o 3 de xuño o Seminario de Xeración e Maduración de Ideas,en colaboración co Bic Galicia. O curso terá unha duración total de 15 horas e impartirase na aula de formación da Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega, (r/ Casas Reais, 8) en horario de 16.00 a 21.00 horas.
O seminario desenvolverase ao longo de tres sesións de traballo presenciais que comezarán analizando aspectos relacionados coa xeración de ideas de empresas a partir de fontes de ideas. Xa na segunda sesión estudarase a transformación das ideas de empresas en ideas de negocio, para rematar coa avaliación das ideas de negocio e análise das posibilidades de converterse nun proxecto de empresa.
Poderán asistir a este seminario todas aquelas persoas que teñan a motivación e predisposición necesaria para xerar ideas empresariais, realizar o proceso de maduración e a avaliación posterior, polo que non é necesario dispor dunha idea previa. Para acadar máis información sobre o seminario ou solicitar a inscrición, as persoas interesadas poden contactar con Uninova no teléfono 981 519600 ou no enderezo de correo electrónico info [at] uninova.org (info[at]uninova[dot]org)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.05.2008.