Ir o contido principal

A incubadora de empresas da USC, socio no proxecto europeo YMIR

É unha iniciativa internacional que tentará crear unha plataforma integrada que facilite o acceso ao financiamento daquelas PEME innovadoras

A incubadora de empresas da USC, Uninova, participa como socio no proxecto europeo YMIR (Improve Access to Finance for Innovative SME’s), enmarcado no VII Programa Marco no eido das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC).
Un total de catro países participantes e cinco socios integran o Consorcio deste proxecto, entre os que se atopan ademais de Uninova, TESEO (Bélxica), consultora especializada en fondos europeos dirixidos á investigación e á innovación; Europe Unlimited (Bélxica), entidade provedora de recursos orientados a potenciar a innovación en sectores como o emprendemento; Mentortec (Portugal), consultora especializada en innovación e transferencia de tecnoloxía; e Southeastern Europe Telecomunnication & Informatics Research Institute – INA (Grecia), organización creada co fin de fomentar o desenvolvemento das TIC no sureste europeo.
O traballo deste proxecto, que se vai estender ao longo dos vindeiros dous anos, ten como finalidade a creación dunha plataforma integrada que facilite o acceso ao financiamento daquelas PEMES innovadoras que participarán en proxectos de TIC dentro do VI e do VII Programa Marco. Ademais promoverase a xeración de interaccións eficientes entre as PEMES innovadoras e as entidades provedoras de financiamento.
Para alcanzar os seus obxectivos, esta colaboración internacional deseñará ferramentas de apoio ás PEMES na busca de recursos financeiros, así como a organización de catro obradoiros internacionais dedicados á formación e preparación destas empresas na presentación dos seus proxectos aos inversores. Ademais, organizaranse en distintas cidades europeas foros de inversores para proxectos centrados nas tecnoloxías da información e das comunicacións.
O proxecto YMIR traballará conxuntamente con outros dous proxectos aprobados pola Comisión Europea, ACCESS ICT (Access to ICT Investors) e ICT VENTURGATE (Innovative solutions for enabling efficient interactions between SMEs in ICT projects ans innovation investors), propostas que teñen prevista a realización de actividades similares e complementarias ás do YMIR.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2010.