Industria e administracións coñecen de primeira man as máis novidosas investigacións da USC no ámbito TIC

Por cuarto ano consecutivo investigadores da USC do ámbito das Tecnoloxías da Información presentarán a representantes da industria e o sector público as súas liñas de traballo no transcurso das xornadas de portas abertas 'Inside the Lab'. Quen desexe participar no encontro concibido para pór en valor os últimos avances de investigación desenvolvidos no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS), deberá cubrir o formulario de inscrición dispoñible na web. Tras o éxito de participación de edicións anteriores, os científicos confían en atraer de novo o público máis especializado co obxectivo de trasladarlle as vantaxes competitivas dos seus resultados de investigación.
A celebrar este venres 6, na xornada os asistentes terán a oportunidade de descubrir unhas tecnoloxías que contan xa cun grao óptimo de innovación e madurez, o que as convirte en candidatas ideais para seren transferidas ao tecido económico. Entre as 10:00 e as 14:00 horas, distintos puntos de información repartidos polo centro destacarán algunhas das múltiples aplicacións coas que contan estes sistemas. A xornada permitirá o acceso a dez demostradores doutras tantas liñas de investigación, entre elas propostas sobre seguimento de obxectos con deep learning dende plataformas móbiles, caracterización e seguimento de usuarios de redes sociais en tempo real, detección de obxectos pequenos en vídeo, visión artificial para o deseño de medicamentos contra o cancro, control e navegación autónomos de alta precisión ou Xeración automática de informes de procesos de negocio, entre outros.
Na xornada participarán tamén responsables das dúas spin-offs creadas por investigadores do CiTIUS: Situm, que centra a súa actividade nas tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores, e Imagames, orientada ao desenvolvemento de solucións de gamificación en diversos dominios como a formación de empregados, as técnicas de aprendizaxe virtual ou o márketing dixital.