Ir o contido principal

A industria alimentaria, a paisaxe rural, as escritoras europeas e a violencia de xénero, temas dos cursos do Campus de Verán de Monforte

O vicerreitor de Cultura, Elías Torres, e o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, presentaron este xoves 12 os cursos da USC que se desenvolverán este verán no Concello de Monforte a partir do 7 de xullo.
Na presentación estiveron acompañados polos directores dalgúns dos cursos así como pola concelleira de Cultura da localidade, Alicia Cadarso. O prazo de inscrición xa está aberto para os que desexen realizar a matrícula de forma presencial, aínda que segue activa a opción de facelo por internet a través da web da USC. O prazo pechará dez días antes do comezo do curso que se desexe realizar.
A taxa xeral de matrícula é de 120 euros para os cursos de 30 ou máis horas e de 70 para os demais. Existe ademais un prezo reducido para estudantes universitarios, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC de 70 euros no primeiro caso e de 40 para os cursos de menos de trinta horas.
A industria alimentariaO primeiro curso que se celebrará en Monforte leva por título ‘Novas perspectivas para a industria alimentaria: requisitos relixiosos, alerxias e intolerancias e novas tecnoloxías’ e está dirixido por Manuel Vázquez Vázquez. As clases, que representan un total de 30 horas, desenvolveranse do 7 ao 11 de xullo.
Os obxectivos do curso son dar a coñecer as novas perspectivas para a industria alimentaria, tanto a nivel social como tecnolóxico. A crecente inmigración e a influencia das relixións é un feito que leva á existencia de estritas normas que afectan ao tipo de alimentos aptos para ser consumidos por estas poboacións. O aumento das doenzas relacionadas coas alerxias e intolerancias alimentarias fai que as empresas deban desenvolver novos alimentos dirixidos a persoas con necesidades alimentarias especiais como celíacos e intolerantes á lactosa. Tamén tecnoloxías como altas presións e campos eléctricos pulsantes de alta intensidade aplicados aos alimentos teñen moito que dicir nos próximos anos.
Escritoras europeasTrinta horas de duración terá tamén o segundo curso que se impartirá en Monforte, entre o 8 e o 11 de xullo co título ‘Escritoras europeas de literaturas minorizadas. Por un lugar libre para as linguas de Lilith’, que está dirixido por Carmen Blanco.
Preténdese desenvolver neste curso un contido transversal de interese xeral, como é o das escritoras europeas de culturas minorizadas. Con este fin reuniranse a especialistas na materia nos máis diversos campos literarios, que se ocuparán de ofrecer análises teóricas dun tema tan insuficiente e superficialmente coñecido. Ademais, destaca o feito de contar coa presenza directa das propias creadoras, que falarán das súas experiencias e problemáticas.
Paisaxe RuralO profesor Roxelio Pérez será o encargado de impartir o curso ‘Paisaxe rural e identidade cultural’, que se realizará entre os días 16 e 18 de xullo, con 20 horas de duración.
Neste curso abondarase sobre a simbiose da tradicional paisaxe agraria entre natureza e cultura, considerada como un legado de séculos de acción humana en connivencia co medio, sendo depositaria da historia e da cultura rural. Así mesmo, tratarase sobre o tempo transcorrido dende ese momento ao actual, pasando pola creación dunha imaxe ideal da paisaxe que foi calando no imaxinario cultural. Sen embargo, en tanto que a paisaxe mental se ía idealizando, a paisaxe real foi mudando, até o punto de haber entre elas xa pouca coincidencia. Polo tanto, agora cómpre ollar para a paisaxe tanto na súa imaxe real como na súa imaxe cultural, pormenorizar na súa estrutura e valores, e analizar en que medida aínda sustenta as raíces da nosa identidade.
Violencia de xéneroO último dos cursos que se impartirán neste campus de verán leva por título ‘Violencia de xénero: aproximación aos aspectos psicosociais, legais e forenses desde unha perspectiva integral’. Dirixido por Ramón Arce Fernández e Francisca Fariña Rivera, arrincará o 31 de xullo e se alongará ata o 2 de agosto, sumando 30 horas.
Nesta acción formativa preténdese ofrecer, dende un punto de vista multidisciplinar, unha visión integral da violencia de xénero, aproximarse aos aspectos psicosociais, legais e forenses e afondar nas achegas da avaliación e da intervención neste tipo de violencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2008.