Industria e elaboración ecolóxica centran a temática dun curso de verán da USC os días 11 e 12 de xullo en Monforte de Lemos

‘ A industria e a elaboración ecolóxica. Hábitats e prácticas ambientais’ é o título do curso incluído na Universidade de Verán 2016 da USC que se desenvolverá os vindeiros 11 e 12 de xullo nas instalacións do Pazo de Tor, no concello de Monforte de Lemos, e no marco do que distintos relatores achegarán os seus respectivos puntos de vista respecto das prácticas agroecolóxicas, así como das súas posibilidades e beneficios.
Estruturado en 15 horas lectivas, que se desenvolverán ao longo de dúas xornadas, este programa formativo e de divulgación dirixido polo profesor da USC e vicepresidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), Xan Neira Seijo, e Anna Cervera Iglesias, constitúe una nova aproximación á agroecoloxía a partir da industria e dos procesos de elaboración ecolóxicos. Unha exposición inicial respecto das agroecoloxías, a cargo de Xan Neira Seijo, abrirá a quenda de intervencións deste curso, que na súa primeira xornada inclúe, entre outros relatorios, unha exposición sobre o plan integral do Pazo de Tor e unha visita técnicas ás súas, ademais dun obradoiro guiado polo consultor ecolóxico Juan Carlos Brea sobre a industria e elaboración de cervexa ecolóxica. As industrias de conservas vexetais, tales como os amorodos, e de bebidas ecolóxicas, como pode ser o caso da sidra, así como as do leite e derivados lácteos, centrarán a temática dos relatorios programados para a xornada do 12 de xullo, que rematará, xa en quenda de tarde, coa sesión de clausura ‘Olladas agraoecolóxicas’, a cargo da presidenta da SEAE, Mª Dolores Raigón. As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.