Ir o contido principal

A industria farmacéutica europea destaca a traxectoria da investigadora da USC Mabel Loza

A Federación Europea de Industrias e Asociacións Farmacéuticas (EFPIA) celebrou o seu trinta aniversario seleccionando aos trinta mellores investigadores no eido farmacéutico doutros tantos países de Europa. De España destacaron os traballos da profesora da USC Mabel Loza.
“As posibilidades científicas das achegas farmacéuticas en Europa son extraordinarias, especialmente neste tempo no que o público e o privado cooperan para coordinar investigacións”, comenta a profesora da USC Mabel Loza na publicación Retratos da ciencia. Os científicos do mañá que, con motivo desta celebración, realizou a EFPIA. A obra recolle as testemuñas e expectativas dos investigadores escollidos os cales responden á pregunta de cómo facer Europa máis atractiva á hora de competir con outras rexións do mundo.
Os criterios de selección foron o recoñecemento da comunidade científica máis ampla, a contribución ao progreso tanto en xeral como na investigación farmacéutica en particular e unha carreira desenvolta sobre cuestións innovadoras á marxe das liñas clásicas de investigación.
Creada en 1978, o obxectivo principal da EFPIA é promover o desenvolvemento farmacéutico en Europa ao mesmo tempo que fomentan a aparición no mercado de novos medicamentos. A entidade reúne a un total de 32 asociacións nacionais farmacéuticas e 43 compañías do sector.
Mabel LozaA profesora titular de Farmacoloxía na Universidade de Santiago traballa actualmente na identificación de dianas e biomarcadores, na posta a punto de técnicas in vitro e en novas tecnoloxía aplicadas á formación continua de profesionais sanitarios.
Ademais, é autora de máis de 70 publicacións nas revistas de maior impacto, puxo en marcha unha empresa con outro socio europeo e formou parte de 36 proxectos de investigación financiados por institucións públicas e privadas.
No eido das iniciativas aplicadas á I+D, conta con 6 patentes en tramitación, coordina un equipo de investigadores con amplo recoñecemento e foi responsable dun dos maiores proxectos interdisciplinarios de colaboración entre universidade e industria coa compañía Almirall-Prodesfarma S.A.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.06.2008.