Ir o contido principal

A información económica sobre a USC en liña

Trátase dunha iniciativa do equipo de dirección da USC dentro do seu compromiso de rendemento de contas para coa comunidade universitaria e a sociedade

Co obxecto de “incrementar os nosos esforzos para transmitir á comunidade universitaria e a toda a sociedade información absolutamente veraz sobre a situación económica e financeira da USC” o equipo de dirección da Universidade compostelá habilitou unha sección específica no web institucional. Trátase dun apartado de información económica na que se recompilan e ordenan, para unha mellor comprensión pola comunidade universitaria e a sociedade, os documentos e a información máis relevantes ao respecto.
O Equipo de Dirección ponse tamén a disposición de “calquera interesado para dar toda a información que se nos solicite” vontade que tamén se lle avanzou a “aquelas persoas que manifestaron publicamente o seu desexo de presentarse como candidatos nas próximas eleccións” e que “reiteraremos no momento no que as candidaturas estean formalizadas”.
“Durante estes anos os compromisos coa transparencia, o rendemento de contas e a busca de solucións á grave situación económica que tivemos que superar foron constantes”, apunta o equipo de dirección nun comunicado dirixido á comunidade universitaria, para subliñar a súa vontade de “intensificalos se cabe no escenario dun próximo cambio no goberno da USC”.
Neste capítulo económico, o pasado 22 de febreiro remataba o proceso de aprobación do orzamento para o ano 2010 ao acadar o respaldo unánime do Consello Social. Estas contas permitirán á USC “seguir avanzando nos aspectos básicos da Programa Plurianual 2007-2010, especialmente no que atinxe ao persoal”.
A este respecto, o equipo de dirección comprometeuse ante os distintos órganos de goberno e representación a realizar unha execución orzamentaria que garanta ao futuro novo equipo unha capacidade de gasto “cando menos proporcional ao que será o seu mandato nese exercicio”. Da materialización deste compromiso tamén se dará conta no vindeiro Consello de Goberno e posteriormente no propio web institucional.
A recente estreada web de información económica da USC irase completando de información a medida que os órganos de goberno da institución universitaria sexan informados da previsión de liquidación do exercicio 2009, recollendo tamén os aspectos económicos detallados das diferentes actuacións que a USC ten en marcha en materia de proxectos, construcións e equipamentos.
Partindo da idea de que “está en xogo a imaxe da USC no seu conxunto”, o equipo de goberno considera que ter a información real sobre a situación económica da USC “é un compromiso que todos debemos reclamar e axudar a transmitir”. Ademais, “non podemos reclamar o compromiso da sociedade, particularmente no ámbito do financiamento que reclamamos, se non nos esforzamos en render contas con rigor, transparencia, e veracidade plenas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2010.