O informe de condutas aditivas detecta maior prevalencia no uso de analxésicos opioides, tranquilizantes, somníferos e cannabis

No marco do proxecto financiado polo Plan Nacional sobre Drogas ‘Detección e vixilancia dos determinantes das adiccións a partir de datos de enquisas, administrativos e grupos sentinela’, cuxa investigadora principal é a profesora da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Mónica Pérez Ríos, acaba de publicarse unha monografía na que se analiza a evolución do consumo de drogas en España e as características das persoas consumidoras. O estudo realizado en colaboración co Ministerio de Sanidade pon o foco no incremento da prevalencia no consumo de analxésicos opioides, tranquilizantes, somníferos e cannabis, ademais das bebidas enerxéticas e do cigarro electrónico.
Así, tal e como evidencia a investigación, a prevalencia de consumo de analxésicos opioides con e sen receita médica nos últimos 30 días aumentou entre 2018 e 2024, tanto en homes como en mulleres. “A prevalencia foi sempre máis alta en mulleres e no grupo de idade de 35-64 anos”, explica a profesora da USC. De tal xeito que en 2024, o perfil da persoa consumidora de analxésicos opioides con e sen receita médica nos últimos 30 días era muller, de 35-64 anos, sen estudos superiores e nada en España.
No relativo á prevalencia de consumo de tranquilizantes e somníferos con e sen receita médica nos últimos 30 días, detectouse no período 2005-2024, en ambos os sexos, un aumento. “A prevalencia de consumo foi máis alta en mulleres en calquera dos anos analizados”, subliña Pérez Ríos. A prevalencia aumentou en todos os grupos de idade, sendo máxima no grupo de 55-64 anos. Con todo, o maior aumento na prevalencia “observouse no grupo de poboación coa prevalencia de consumo máis baixa, aqueles con idades comprendidas entre os 15-24 anos, tanto en homes como en mulleres”. En 2024, o perfil da persoa consumidora de tranquilizantes e somníferos con e sen receita médica nos últimos 30 días era muller, maior de 35 anos, sen estudos superiores, nacida en España e que non convivía en parella.
Entre 2005 e 2024, a prevalencia de consumo de cannabis aumentou con independencia do sexo e da idade tanto no contexto da experimentación (algunha vez na vida) como no consumo diario. A prevalencia de consumo de cannabis foi sempre máis alta en homes e no grupo de idade de 15-34 anos. En 2024, o perfil da persoa consumidora nos últimos 30 días era home, menor de 35 anos, sen estudos superiores, nacida en España e que non convivía en parella.
No relativo ás bebidas enerxéticas, entre 2015 e 2024 a prevalencia de consumo (soas ou en combinación con alcol) aumentou en ambos os sexos, sendo sempre máis alta en homes. Ao diferenciar por grupos de idade, destaca o aumento na prevalencia de consumo no grupo de 15-34 anos. En 2024, o perfil da persoa consumidora de bebidas enerxéticas era home, menor de 35 anos, sen estudos superiores, non nada en España e que non convivía en parella.
Finalmente, entre 2015 e 2024 identificouse un aumento da prevalencia de uso de cigarros electrónicos algunha vez na vida, posiblemente asociado á experimentación con estes produtos, e na prevalencia de uso nos últimos 30 días. O grupo de idade de 15-34 anos mostrou a prevalencia máis alta, con menores diferenzas en función da idade no caso das mulleres. En 2024, o perfil da persoa usuaria de cigarros electrónicos nos últimos 30 días era menor de 35 anos, nacida en España e que non convivía en parella.
Tendencias estables
A prevalencia de consumo de tabaco permaneceu estable entre 2005 e 2022, observándose en 2024 un lixeiro descenso da prevalencia tanto en homes como en mulleres. En 2024, o perfil da persoa consumidora de tabaco nos últimos 30 días era home, de 25-34 anos, sen estudos superiores, nacida en España e que non convivía en parella.
Entre 2005-2024 non se identificaron cambios relevantes na prevalencia de consumo de alcol para ningún dos marcos temporais para os que se evoca o recordo do consumo. A prevalencia foi sempre máis alta en homes, permanecendo estable ou mesmo diminuíndo lixeiramente, mentres que en mulleres observáronse estabilizacións ou aumentos lixeiros. En 2024, o perfil da persoa consumidora de alcol nos últimos 30 días era home, de 25-34 anos, con estudos superiores e nada en España.
No que respecta ao coñecido como binge drinking, entre 2005 e 2024, a prevalencia global de “atracón por consumo de alcol” nos últimos 30 días mantívose estable. A prevalencia foi sempre máis alta en homes, aínda que a diferenza entre sexos diminuíu co tempo ao aumentar esta forma de consumo en mulleres. “Nas mulleres de 15-34 anos, a prevalencia de atracón por consumo de alcol practicamente duplicouse ao longo do período estudado”, explica a investigadora. En 2024, a prevalencia no grupo de idade de 25-34 anos superou por primeira vez a prevalencia no grupo de 15-24 anos. En 2024, o perfil da persoa que declarou practicar binge drinking era home, menor de 35 anos, con estudos superiores, nacida en España e que non convivía en parella.
Equipo
O equipo investigador complétano os profesores da USC Cristina Candal Pedreira, Julia Rey Brandariz, Alberto Ruano Raviña e Agustín Montes Martínez; as investigadoras Carla Guerra Tort, Lucía Martín de Bernardo Gisbert, Guadalupe García e Ana Teijeiro Teijeira; profesionais sanitarios do SERGAS como María Carou López e Sara Estévez; técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública (María Isolina Santiago Pérez) e do Instituto Galego de Estatística (María Esther López Vizcaíno); e as profesoras da Universidade da Coruña Jéssica Rial Vázquez e Nerea Mouriño Castro.