Ir o contido principal

O informe da CRUE sobre a universidade española no curso 2010-2011 evidencia os primeiros síntomas da crise

“Se non cambia a curto ou medio prazo a tendencia actual de contracción orzamentaria e dos modos de levala a cabo, o conxunto de tendencias de tipo académico, educativo e investigador que contén este informe serán irrelevantes a non moito tardar”. Está e unha das conclusións apuntadas na presentación que a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) realizou do informe La Universidad española en cifras 2012. Este informe fai un retrato do sistema universitario español a partir dos grandes indicadores cuantitativos rexistrados no curso 2010-2011. Remarca que os datos deste curso parecen sinalar o punto de inflexión entre unha etapa de crecemento e outra de recorte de recursos, “os efectos da crise económica alcanzaron cun certo desfase á universidade e a súa crúa realidade é palpable a partir de 2010”. Presentado este venres en Madrid, o informe da CRUE subliña neste senso que as consecuencias máis negativas son posteriores ao período analizado. Non obstante, o documento apunta algunha das súas consecuencias, particularmente nos ámbitos do financiamento ou a investigación. As conclusión sinaladas polo informe da CRUE apuntan que “a insuficiencia e a ineficiencia que caracterizan ao financiamento universitario actual representan unha das principais tendencias que deben resaltarse”. A este respecto, os responsables do estudo lembran que no Informe sobre financiación del sistema universitario español presentado no Consello de Coordinación Universitaria de 2007 se recoñecía a necesidade de incorporar 2.700 millóns de euros adicionais. “Esta tendencia expansiva non só non se levou a cabo entón senón que, ultimamente, está dando paso a intensos recortes que danan o seu nivel de suficiencia, especialmente a partir do exercicio 2010”. En termos xerais, os ingresos das universidades públicas españolas alcanzaron en 2010 os 10.600 millóns de euros. Se en 2002 esta mesma cifra ascendía a 6.543 millóns e en 2008 a 10.331 millóns, “destaca a ralentización do ritmo de crecemento no bienio 2008-2010, fronte á existente con anterioridade”. Na análise realizada dos indicadores estudados, a Conferencia de Reitores afirma tamén que “a política de incremento substancial dos prezos públicas das ensinanzas e as deficiencias do sistema de bolsas fan perigar a equidade no acceso á educación superior”. O problema principal que formula a elevación dos prezos públicos “é que non se realizou unha modificación do sistema de bolsas e axudas que permita corrixir a insuficiencia (polo seu escaso volume), a súa ineficiencia (pola súa xestión) e a súa inequidade (polos seus resultados)”. Panorámica xeral Á vista dos datos recompilados pola CRUE, en 2013 no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos figuran 83 universidades rexistradas, das que 50 son de carácter público, institucións nas que se atopan matriculados 9 de cada 10 estudantes de primeiro e segundo ciclo ou grao. No curso 2010-2011 estaban matriculados en universidades públicas cursando estudos oficiais 1.438.165 estudantes. O 53,4% eran mulleres e case 5 de cada dez alumnos/as cursan estudos de Ciencias Xurídicas ou Sociais. Polo que respecta á oferta, en España podíase elixir entre 2.192 programas de grao. A produción científica alcanzou en 2010-2011 os 39.144 artigos referenciados no índice ISI e as patentes en explotación orixinadas polas universidades públicas ascendeu a 250. O financiamento da actividade investigadora supuxo 1.376 millóns de euros, dos que o 69 por cento foi para investigación básica e o 31 por cento restante para aplicada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2013.