O informe Universitic 2010 radiografía a situación das TIC nas universidades
Un total de 60 universidades de toda España, representando ao 93,7 por cento dos estudantes universitarios españois, participan na nova edición do informe Universitic no que, en base aos datos recollidos en decembro de 2009, se analiza a situacións das tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) no Sistema Universitario Español (CUE). Na edición de 2010 incluíuse ademais un apartado coa evolución das TIC nas universidades españolas entre 2006 e 2009. Presentado en Navarra nun acto que contou coa participación do reitor en funcións Senén Barro como co director do estudo, este informe ten como obxectivo coñecer a situación das TIC nas universidades e establecer políticas e estratexias, tanto individuais como conxuntas, para a súa óptima implantación. Á vista dos resultados presentados, o 90 por cento das universidades posúe ou está desenvolvendo un plan de renovación continua e periódica da infraestrutura TIC. Ademais, a maioría de institucións universitarias conta con orzamentos propios e diferenciados para TIC, representando por termo medio o 4,15% do presuposto total. Dos resultados do estudo despréndese que as universidades seguen implantando novas tecnoloxías como apoio á docencia: ordenadores (13 estudantes por computador), proxectores multimedia (o 64% das aulas) e conexión sen fíos a Internet (o 86% das aulas con cobertura wifi). A consolidación da mellora destes indicadores manifesta, segundos os seus autores, que as universidades outorgaron unha gran importancia á posta a disposición do estudante e do profesorado de dotación de equipamento informático nas aulas de docencia. En case todas as universidades existen aplicacións software para a xestión da investigación e un portal Web de divulgación da oferta tecnolóxica e investigadora, segundo sinala o informe. Actualmente o 71% dos grupos de investigación divulgan a súa actividade a través da súa propia páxina Web e o 70% dos investigadores depositaron o seu currículo na base de datos institucional. En 2010 seis de cada dez universidades contan cunha aplicación web para a publicación e xestión de congresos científicos, cunha mellora do 24% en relación a 2006. As universidades españolas continúan realizando esforzos na axilización e modernización da atención aos usuarios a través das tecnoloxías propias da administración electrónica e da automatización dos procesos de xestión. Neste senso, e segundo se puxo de manifesto na presentación do informe, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) mostrou un especial interese por promocionar a implantación de tecnoloxías de apoio á administración electrónica, conseguindo que a súa presenza pase do 39% en 2006 ao 67% actual e porque os servizos administrativos se ofrezan a través da Web e de xeito personalizado (actualmente están dispoñibles o 77% deles). Xunto coa implantación de novas tecnoloxías, o informe presta tamén atención á calidade que reportan. Neste senso, detectouse unha gran mellora (do 32%) en canto á porcentaxe de boas prácticas relacionadas coas TIC implantadas, pasándose do 47% en 2006 ao 82% en 2010, e en canto ao número de procesos universitarios soportados polas TIC que se certificaron, en 2006 a media era de 1,13 procesos por universidade e na actualidade é de 2,29 procesos (a mellora do 102% é espectacular). Implicación da USC O Informe Universitic púxose en marcha en 2004 dende o grupo de traballo das TIC da CRUE baixo a presidencia de Senén Barro. Nos cinco estudos realizados neste período de tempo, a participación da USC xa que Senén Barro figura como director ou co director de todas as edicións, ao que se suma a participación do director da Área TIC da USC, Javier Franco, en calidade de coordinador. Ademais, no grupo de investigadores que prestan soporte ao estudo destaca a presenza de catro da USC, sobre un total de 5, como son Sara Fernández, David Rodeiro, Emilio Ruzo e Raúl Canay.
A presentación realizouse en paralelo á Reunión Sectorial da CRUE TIC que se celebra na Universidade Pública de Navarra este luns e o martes 15. O lema do encontro é ‘Disaster recovery y continuidad de negocio. Servicios 24x7 en universidades’ (http://www1.unavarra.es/crue-tic/programa).