Inicia a súa andaina o máster oficial en Desenvolvemento Económico e Innovación
Orientado ao ámbito do desenvolvemento rexional, por unha banda, e á dirección e xestión da I+D e a innovación en institucións públicas e empresas, por outra, o Máster oficial en Desenvolvemento Económico e Innovación comezará a súa andaina o vindeiro curso 2009-2010 co obxecto de proporcionar unha formación avanzada de carácter especializado e multidisciplinar no ámbito do desenvolvemento económico e da innovación.
Esta titulación, que se vai impartir na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, presenta dúas orientacións, a académico-profesional e a investigadora, incluíndo no primeiro caso a realización de prácticas en empresas e institucións.
Ao remate do período formativo, os participantes poderán atopar saídas profesionais no ámbito da consultoría especializada en xestión da innovación, e do desenvolvemento rexional e local; dirección e xestión de departamentos de I+D en empresas; xestión de políticas e programas de I+D en institucións públicas ou na xestión de proxectos e grupos de investigación en Universidades, centros tecnolóxicos e na empresa.
Os máster, que coordina o catedrático e director do grupo ICEDE Xavier Vence, contará coa participación de profesorado da USC pertencente a diversas áreas así como dos máis prestixiosos especialistas procedentes das principais universidades galegas, españolas e europeas, así como doutros organismos e institucións.
Diríxese a un amplo abano de titulacións, entre as que destacan Economía, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Políticas, Socioloxía, Dereito, enxeñarías ou titulacións afíns ás Ciencias Experimentais. O período lectivo dará comezo o 21 de setembro en horario de tarde. O período de solicitude de matrícula estenderase do 4 ao 10 de setembro, mentres que no caso dos estudantes estranxeiros, este trámite deberá resolverse antes do 31 de agosto. Ademais, contemplarase a modalidade de matrícula a tempo parcial para as persoas que acrediten estar traballando.