A iniciativa ‘Na Encrucillada’ sae á rúa en Lugo para presentar medidas contra a crise e para a creación de emprego
A iniciativa ‘Na Encrucillada. Universidade en debate’, posta en marcha por diversos colectivos de docentes, investigadores e persoal de servizos da USC no Campus de Lugo, organiza para o xoves 29 unha nova actividade. Nesta ocasión, en lugar de charlas e mesas redondas, a proposta consiste nun acto público e aberto que se celebrará na praza de Santa María da capital lucense a partir das 18.00 horas. O encontro contempla a participación de dez relatores, a maioría deles docentes da propia USC, que farán as súas achegas sobre as medidas para atallar a crise e para a creación de emprego. As intervencións terán unha duración de seis minutos cada unha, e estarán centradas, entre outros, en aspectos como os motivos que desencadearon a actual situación económica, a educación como base para a construción dunha nova sociedade, a creación de valor a través do I+D, as potencialidades do sector agroalimentario, servizos culturais ou sanidade. Todos os participantes interveñen de maneira desinteresada, ao igual que vén sucedendo en todas as actividades que se desenvolven a través da iniciativa ‘Na Encrucillada’. Ao remate dos relatorios está prevista a actuación dos músicos Mini e Mero.