Ir o contido principal

Innovatia 8.3, entre os tres mellores programas de emprendemento inclusivo e responsable de Europa

O reitor Antonio López conversando coa directora de Woman Emprende, Eva López Barrio. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López conversando coa directora de Woman Emprende, Eva López Barrio. FOTO: Santi Alvite
A iniciativa de USC e Instituto das Mulleres foi finalista representando a España nos European Enterprise Promotion Awards 2022 celebrados en Praga
Santiago de Compostela

O programa Innovatia 8.3 da USC e do Instituto das Mulleres representou a España nos European Enterprise Promotion Awards 2022 onde quedou finalista xunto a outras dúas iniciativas de Francia e Irlanda. Innovatia 8.3 competiu na categoría de emprendemento responsable e inclusivo. O programa incorpora a perspectiva de xénero na creación de empresas de base tecnolóxica e apoia as mulleres emprendedoras na universidade. Trátase dun recoñecemento ao esforzo e innovación dos proxectos emprendedores que impulsan as tecnoloxías, o coñecemento e a igualdade de xénero na base do negocio; sempre mantendo as persoas no centro.

Para poder presentarse a esta convocatoria europea, Innovatia 8.3 foi seleccionada como finalista entre trece candidaturas a nivel estatal nos Premios Europeos á Promoción Empresarial 2022. Dos 27 países participantes, Innovatia 8.3  foi elixida entre as tres finalistas por un xurado seleccionado pola Comisión Europea, e compartindo esta final con co:worx project de Irlanda e French Tech Tremplin de Francia, quen finalmente se proclamou vencedora na asemblea anual celebrada en Praga.

Referente

Innovatia 8.3 segue crecendo cada ano. “Isto non sería posible sen o compromiso de 46 universidades españolas e as mulleres que poñen todo o seu empeño en crear negocios tecnolóxicos sostibles que melloren a vida das persoas e a saúde do planeta”, apuntan dende a organización. “Centrarse no benestar das persoas é unha característica común en moitas empresas creadas por mulleres. Isto mostra a importancia de considerar a perspectiva de xénero e os principios feministas que buscan a igualdade real entre homes e mulleres”, engaden. De feito, tal e como explicou Eva López Barrio, directora de Woman Emprende, diversos proxectos estanse a poñer en contacto coa dirección de Innovatia 8.3 ao tomalo como “referente” en materia de emprendemento con perspectiva de xénero.  

“É un traballo conxunto entre varios organismos, mostra de colaboración e entendemento entre o Goberno de España e as Universidades de todo o territorio, que apostaron por unha iniciativa moi pioneira á hora de facer transferencia de resultados de investigación, transferencia de coñecemento con perspectiva de xénero, e por apostar pola necesidade de romper as brechas de xénero e incorporar a perspectiva feminista no emprendemento e na creación de empresas”, conclúen.

Dende a Secretaría Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, subliñaron que estes premios son “unha plataforma idónea para mostrar exemplos de organizacións que apoian o emprendemento, as boas prácticas e promoven a colaboración público-privada, especialmente nun contexto tan incerto como o que actualmente estamos a vivir”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2022.