A inscrición na convocatoria de prácticas do Consello Social estenderase ata o 28 de febreiro

A longo de todo o mes de febreiro está aberto o prazo de inscrición no Programa de Prácticas Extracurriculares do Consello Social, aquelas prácticas non obrigatorias pero si complementarias para a formación integral do alumnado e que figurarán tanto no expediente académico como no Suplemento Europeo ao Título. O prazo comezou este martes e estenderase ata o día 28 de febreiro.
O alumnado interesado en participar deberá estar matriculado nun grao da USC, e non terá cuberto o número máximo de créditos de prácticas externas nin realizado o depósito do título. As persoas interesadas poderán elixir realizar a práctica entre as ofertas da convocatoria do Consello Social ou ben nunha entidade ou empresa da súa elección, para o que será preciso establecer un convenio de colaboración educativa específico. Neste último suposto, o/a estudante que propiciara o convenio terá dereito preferente e por unha soa vez a desenvolver as prácticas na entidade asinante.
Independentemente da opción elixida, o alumnado interesado debera presentar a súa solicitude en formato orixinal no Departamento de Prácticas do Consello Social. A selección de candidatos realizarase tendo en conta a media do seu expediente académico, agás as candidaturas por adxudicación preferente.